sábado, 15 de febrero de 2020

Unha língua de seu

Malia a língua galega ter sofrido unha coitelada lingüística por banda do castelán, a cal se pode apercibir sen dificuldade nalgúns dos seus sons, na súa grafía e por riba de todo na mancheia de verbas castelás que contaminan esta fala no seu emprego cotiá e non oficial, existen xeitos e expresións que chaman a atención con forza e converten ao galego non só nun moi achegado irmao do portugués, senón nunha fala propria e ben diferenciada que, aínda ao estar sometida ao imperio lingüístico castelán, conserva o seu selo máis que diferenzal.

E é por iso polo que o galego, que case conta con mil anos, non é un xeito de falar o portugués, nen o castelán, nen unha mestura entre o derradeiro e o primeiro. Se non o cren tenten dicirlle a un portugués que están ledos de velo ou que el é un pailán, lacazán ou papaberzas. Fagan o mesmo cun falante de castelán que non saiba galego: díganlle que xa fixeron a cea, mais que hai que agardar aos convidados. Proben a falarlle da saudade ou díganlle que o mosteiro de Oseira é enxebre.


Non lles deamos ese pracer aos monopolios lingüísticos. Non subxuguemos a unha antiga e riquísima língua empregada polos nosos devanceiros a traveso dos séculos ao castelán e ao portugués. Non voltemos dicir que o galego é unha especie de portuñol ou un portugués falado de xeito estrano, tampouco que é o castelán falado polos campesiños de Galicia. Sen máis, digamos que somos galegos e que falamos o galego, unha língua propria dun territorio que ren ten que envexar ás súas viciñas máis próximas. E que, malia ser moi semellantes entre elas, abre o camiño cara a un inmenso mar de posibilidades. E así teremos de ficar: mirando ao xigante Atlántico que está ao noso redor pensando con orgullo e profundidade a sobor das nosas máis que proprias características.

No hay comentarios:

Publicar un comentario